Os editores de diarios queren apropiarse dos dereitos de autor dos redactores

A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia, denuncia que 57 editoras demandaron a unha empresa de press-clipping sen contar cos autores.

As empresas editoras de xornais están intentando, por todos os medios ao seu alcance, apropiarse do diñeiro que xeren os artigos xornalísticos cando sexan reproducidos en revistas de prensa, sen contar cos autores deses traballos.

A nova Lei de Propiedade Intelectual establece que as empresas que confeccionan e distribúen recompilacións de artigos xornalísticos -as revistas de prensa, coñecidas como press-clipping-, con fins comerciais, deben pagar unha remuneración equitativa ao autor. Ese diñeiro, que debe ser recadado e repartido por un órgano xestor aínda non constituído, é o que os editores pretenden recibir coma se fose seu.

Os xornalistas son os donos do copyright dos seus artigos
Argumentan que a lei decláraos a eles propietarios dos dereitos de autor, cando non é así. Esa lei considera lícita a actividade de citar textos xa publicados, con fins docentes ou de investigación. Cando se reproducen artigos na súa integridade, a única obrigación que impón a lei é a de pagar ao autor o que corresponda.

Agora, as empresas deron un paso máis no seu intento de apropiarse dese diñeiro: 57 editoras, en representación de 82 xornais, presentaron unha demanda contra Rodalca SL, unha entidade dedicada ao press-clipping, porque din que non pode realizar ese traballo sen a súa autorización. Esa demanda foi admitida a trámite por un xuíz de Madrid, o que non presupón nada respecto ao fallo final.

Os editores queren quedar cuns cartos que non son seus
A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP) denuncia a actuación dos editores, que con esta acción xudicial pretenden amedrentar ás empresas de press-clipping e quedar cun diñeiro que non lles corresponde.

A FeSP expresa a súa solidariedade coa empresa Rodalca, que desde o primeiro momento mostrouse disposta a pagar a cantidade que se acorde por cada reprodución de artigos.

Esta Federación espera que a Xustiza poña as cousas no seu sitio e sentencie algo que, aínda que é obvio, os empresarios non queren entender: que os autores dos artigos xornalísticos son os xornalistas que os asinan e non os editores dos diarios.

Comments are closed.