O Sindicato de Xornalistas gaña as eleccións sindicais en La Región

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) gañou as eleccións sindicais que se celebraron onte no xornal La Región. O SXG obtivo tres representantes no Comité de Empresa, por dous de Comisión Obreiras, dous de UXT e dous da CIG.

Aumentar os días libres, -que no caso da maior parte dos traballadores son de só catro días ao mes- e lograr a remuneración das horas extras son algúns dos puntos do programa presentado polo SXG. O Sindicato tamén loitará para conseguir un aumento dos salarios, mellorar a conciliación da vida familiar e laboral e impulsar a renovación tecnolóxica dos medios cos que traballan os profesionais.

Chamanento ao diálogo
A Executiva do SXG quere felicitar publicamente a todos os traballadores de La Región que acudiron ás urnas para participar no proceso electoral. Especialmente, o SXG felicita aos membros da súa lista pola iniciativa demostrada, polo interese en mellorar as condicións laborais dos seus compañeiros e polo traballo e moitas horas adicadas a este proxecto.

O Sindicato de Xornalistas felicita e tamén fai un chamamento á colaboración ao resto dos sindicatos elixidos e, especialmente, á dirección de La Región para, entre todos, tentar mellorar a situación laboral dos traballadores e tamén o prestixio e vendas do xornal.

Ademais, o Sindicato lembra que, unicamente, a través da negociación e da colaboración solidaria de todos os traballadores do sector poderase loitar contra a precariedade que se vive na industria da comunicación de Galicia.


Resultados detallados

O SXG foi o sindicato máis votado na empresa -formada por talleres e redacción -con 30 votos, seguido da CIG, con 29; CC.OO, 25 e UXT, 15. O SXG tan só se presentou na redacción, onde tamén sacaron representación a CIG, con 15 votos e CC.OO., 25. En talleres, a UXT tivo 15 e a CIG 14. No proceso electoral houbo catro votos en blanco e dous nulos.

Comments are closed.