Os sindicatos de xornalistas esixen aos partidos que rematen coa precariedade nos medios públicos

A Federación de Sindicatos de Xornalistas, da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia, esixe aos partidos políticos que se comprometan a acabar coa precariedade laboral nos medios municipais e autonómicos onde gobernen tras o 27-M.

A celebración do 1 de maio, Día do Traballador, e a do 3 de maio, Día Internacional da Liberdade de Prensa, están estreitamente relacionadas para os traballadores da información: a defensa do dereito á información da cidadanía non é posible sen unhas condicións de traballo dignas.

Por esta razón existen os sindicatos de xornalistas e por elas chamamos aos profesionais da información a conmemorar ambas as datas con idéntico espírito.

Tampouco se pode asegurar o dereito á información sen unha lexislación que garanta á cidadanía que vai recibir unha información veraz, contrastada e de calidade. O Congreso dos Deputados resístese a sacar adiante o proxecto de de Estatuto do Xornalista Profesional (EPP), que debe regular os dereitos e deberes dos xornalistas e que é un dos compromisos do presidente do Goberno e do seu partido.

Xa rexeitou esa mesma cámara o proxecto de lei que regulaba os dereitos laborais dos xornalistas, ferramenta imprescindible para dignificar as nosas condicións laborais, especialmente as dos xornalistas á peza.

Doutra banda, ante as próximas eleccións municipais e autonómicas convén recordar aos partidos que aspiran a gobernar en pobos e cidades que alí tamén teñen a obrigación velar polo dereito á información. Reclamámoslles que inclúan nos seus programas o compromiso de terminar coa precariedade laboral existente en moitos medios de titularidade municipal e autonómica, e que democraticen os seus organismos de xestión para terminar co sectarismo e a manipulación da información que existe en moitos deles.

Estes días 1 e 3 de maio hai que denunciar, unha vez máis, os abusos que a maioría das empresas de comunicación fan dos estudantes en prácticas, quen cobren postos de traballo de xeito gratuíto ou con compensacións ridículas, agravando así a precariedade do sector e a calidade da información. Reclamamos das empresas, as universidades e a administración que acaben con esta explotación laboral e que acorden cos sindicatos e os comités de empresa condiciones dignas para a formación práctica deses estudantes.

Nestas datas tamén expresamos a nosa solidariedade aos profesionais da comunicación que son perseguidos ou mortos por exercer o dereito a informar en zonas de conflito ou baixo réximes ditatoriais, e ás súas familias.

Recordamos, entre outros, os nomes de Ana Politóvskaia, de José Couso ou de Julio Anguita Parrado, que perderon a vida só por ser xornalistas.

Por un Estatuto do Xornalista Profesional que asegure o dereito á información da cidadanía.

Por unha regulación laboral que garanta a nosa dignidade profesional.

Xunta Executiva da Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP)

Comments are closed.