As mulleres son maioría nas redaccións pero só o 2,9% dos directivos

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) denuncia a discriminación laboral das traballadoras do sector da comunicación na Comunidade. Na véspera do Día do Traballador, o SXG adianta os resultados dun estudio que proba que as informadoras teñen especialmente difícil acceder aos cargos directivos e, polo tanto, aos mellores salarios.

Malia que máis do 60% do redactores dos xornais galegos son mulleres, a participación feminina nos postos de responsabilidade é case nula. E é que unicamente o 2,9% dos directores, subdirectores e directores adxuntos da prensa galega son mulleres.

Un chanzo por debaixo, na categoría de redactores xefes, a porcentaxe é do 21%. Entre os xefes de area, xefes de sección e delegados a proporción de mulleres aumenta (30%) pero segue a reflectir a existencia dun “teito de cristal” que lastra o progreso das mulleres.

A orixe destes datos é unha investigación realizada polo SXG sobre as actuais manchetas de dezaseis xornais galegos.

A discriminación é evidente considerando que as galegas son inmensa maioría nas aulas de onde saen os futuros traballadores do sector da comunicación. Así, o 72% do alumnado da Facultade de Ciencias de Comunicación de Santiago este curso son rapazas. Na Facultade de Ciencias da Comunicación da Coruña, na de Ciencias da Comunicación de Pontevedra e na de Publicidade e Relacións Públicas de Pontevedra a proporción de mozas tamén é aproximadamente do 70%.

O PSOE ten que desbloquear o Estatuto
O SXG quere tamén aproveitar o primeiro de maio para lembrar a importancia de que se aprobe o Estatuto do Xornalista, que leva varios meses paralizado no Congreso. O Estatuto é unha ferramenta imprescindíbel para mellorar as condicións dos traballadores deste sector, especialmente dos xornalistas á peza.

Por iso esixe ao PSOE que desbloquee o Estatuto e cumpra dunha vez a súa promesa de regular a profesión para garantir unhas condicións de traballo dignas.

Cómpre mobilizarse para
mellorar as condicións laborais

Por último, o Sindicato fai un chamamento aos seus afiliados e ao resto de traballadores do sector para que participen nas mobilizacións do primeiro de maio, pois unicamente a participación sindical deste colectivo poderá mellorar as paupérrimas condicións laborais que sofre actualmente en Galiza.

Non se pode esperar que empresarios e administracións acepten negociar problemas coma os horarios e contratos abusivos, as prácticas, os baixos salarios ou a regulación dos dereitos de autor sen que os traballadores se organicen formalmente e reclamen o cumprimento dos seus dereitos.

Comments are closed.