O Sindicato de Xornalistas condena a agresión a un xornalista por parte dun xogador do Deportivo

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) fai público o seu apoio a Armando Palleiro, compañeiro do xornal deportivo coruñés DXT Campeón. Palleiro foi agredido hoxe polo xogador do Deportivo da Coruña Sebastián Taborda ao finalizar o adestramento do equipo en Abegondo.

O SXG púxose en contacto co redactor para comunicarlle o seu apoio e ofrecerlle os seus servizos xurídicos, no caso de necesitalos.

Outro incidente en 2003
O Sindicato pide unha vez máis ás institucións que garantan a seguridade dos informadores. Lamentablemente, non son infrecuentes os casos no que os xornalistas e fotoreporteiros galegos son agredidos por cumprir coa súa obriga profesional. Cómpre lembrar que en 2003 un xogador do Deportivo, Walter Pandiani, agrediu a outro xornalista.

Ante a repetición destes feitos, o SXG fai un chamamento aos futbolistas para que respecten a labor dos informadores, traballo que en ocasións esixe a xusta crítica do seu rendemento deportivo.

Comments are closed.