O SXG publica outra sentencia que condena á CRTVG por subcontratas ilegais

O Sindicato de Xornalistas de Galicia publica unha nova sentencia que condena á Compañía da Radio Televisión de Galicia (CRTVG) a contratar de xeito indefinido a traballadores das súas delegacións, anteriormente subcontratados ilegalmente a través dunha produtora privada.

Neste caso o recente fallo indica a existencia de “cesión ilegal de traballadores por parte da empresa Produtora El Progreso S.L.” á CRTVG. Por iso o xulgado número dous de Lugo recoñeceu o dereito dos traballadores F. A. e C.A.a “ser persoal indefinido de Televisión de Galicia, S.A.". Ademais, a Xustiza condenou á empresa pública e á Produtora El Progreso a pagar máis de 55.000 euros polo tempo que os informadores estiveron subcontratados ilegalmente.

O SXG aproveita a publicación desta sentenza para solicitar unha vez máis á dirección da CRTVG que regularice o seu cadro de persoal, tanto nas delegacións como en Santiago de Compostela.

En opinión do SXG é inadmisible que unha empresa pública como a CRTVG acumule tres sentencias consecutivas que a condenan por contratación fraudulenta de xornalistas a través de produtoras privadas. Un número de condenas que, ademais, pode dispararse nos vindeiros meses, xa que foron máis de trinta os traballadores das delegacións os que denunciaron á CRTVG de xeito coordinado.

Por iso, o SXG solicita publicamente o goberno bipartito que cumpra dunha vez a súa promesa electoral de fortalecer a independencia dos medios públicos, algo que non se pode conseguir coa situación de precariedade laboral que sufre gran parte do cadro de persoal da CRTVG.

Máis comunicados do SXG sobre este caso:

Comments are closed.