A FeSP e o SXG reclaman a reforma das radios e televisións autonómicas no sentido da lei de RTVE

Como era previsible, a polarización da clase política española nos últimos tempos penetrou a fondo nos medios públicos de comunicación, e sobre todo nos utilizados de ariete contra o Goberno central. Hai anos que a Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG), denuncia o modelo oficialista de medios públicos, que a pesar da oposición dos profesionais e aos avances en RTVE e na próxima lei da CCRTV en Cataluña, mantense e agudiza en diversas comunidades autónomas onde os seus Gobernos non se dan por aludidos respecto da esixencia de democratizar e liberar de partidismo as súas radios e televisións, que deberían estar ao servizo de toda a sociedade.

Esa necesidade obxectiva de reforma ponse de manifesto unha vez máis ante casos escandalosos como o de Telemadrid, controlada e dirixida por un Goberno do PP que se permitiu desmantelar a tímida realidade dun Consello Audiovisual co argumento tramposo de que podía significar unha inxerencia sobre os medios: desde logo, os populares parecen preferir o control directo.

Os medios públicos deben ser de todos

A loita dos traballadores e traballadoras de Telemadrid é neste sentido paradigmática, e non debe permanecer illada, porque defende os valores profesionais da información e do servizo público auténtico, ambos na picota polo descarado intervencionismo político do Goberno autonómico.

Por iso, a FeSP chama á solidariedade cos compañeiros de Telemadrid, non só en forma de apoio público, senón asumindo as súas reivindicacións nos medios públicos de comunicación, especialmente aqueles de ámbito autonómico dirixidos por Gobernos que non pensan ceder na súa vontade de control duns medios que por definición deben ser de todos.

Comments are closed.