A CRTVG afronta 17 xuízos máis esta semana

Dezasete novos xuízos contra a Compañía da Radio Televisión de Galicia (CRTVG) comezan esta semana en Lugo e Ferrol. Os demandantes, que traballan nas delegacións do ente, reclaman que se lles recoñeza a súa vinculación laboral directa coa CRTVG. O Sindicato de Xornalistas de Galicia apoia aos informadores, ata agora contratados a través de produtoras privadas. En total, son máis de corenta os asalariados –das delegacións de Lugo, Madrid, Burela, Pontevedra, Vigo e Ferrol- que demandaron á Compañía de xeito coordinado.

As sentencias ditadas ata hoxe obrigan á CRTVG a contratar aos informadores. O último xuízo fallouse nos últimos días en Lugo a favor de dous demandantes. O Xulgado do Social número 2 de Lugo admitiu o dereito de Félix Aragunde e Carmen Adrio a ser persoal laboral indefinido por existir cesión ilegal de traballadores por parte da empresa produtora El Progreso S.L á CRTVG. Os outros dous xuízos anteriores concluíron con sentencias case idénticas en contra da CRTVG e da Produtora Faro en Vigo.

Cumprir o que prometeron PSdG e BNG cando estaban na oposición
Ante a acumulación de pronunciamentos xudiciais nesta liña, o SXG esixe que o Ente deixe de desperdiciar o diñeiro público en custes xudiciais. O SXG reclama á dirección que cumpra dunha vez o seu compromiso público de regularizar o emprego, tanto nas delegacións como en San Marcos.

De non regularizar o cadro de persoal da CRTVG, que se atopa nunha gran parte en precario, o goberno bipartito, de quen depende a Compañía, estará a incumprir un dos compromisos que o levaron o poder. Cómpre lembra que tanto PSdG como BNG prometeron promover a independencia dos medios públicos; e é evidente que sen estabilidade laboral os informadores non poden traballar sen sentirse presionados polo poder político.

Información pública feita por produtoras privadas
Unha empresa pública como a CRTVG non pode recorrer a subcontratas para reducir os dereitos dos traballadores, algo que evidentemente prexudica a independencia coa que estes profesionais poden informar aos cidadáns galegos.

É inadmisible que as delegacións estean en mans de produtoras particulares, varias delas propiedade dos principais editoras de xornais de Galicia. Cómpre lembrar que as delegacións producen a maioría dos informativos que emite a cadea pública. Por exemplo, unicamente o 37% do tempo dos telexornais foron de "produción propia" en setembro de 2005, tal e como recoñeceu a dirección da Compañía ao Parlamento de Galicia.

Lista de xuízos nos próximos días

O próximo mércores 24, celebraranse tres xuízos en Ferrol. O día 25 serán vistos os casos de 11 traballadores da TVG en Lugo. O venres 26 revisaranse as demandas de tres redactores máis, tamén na capital lucense.

A primeira sentencia deste grupo de demandas deu a razón á redactora Anxos Padín, que levaba sete anos traballando na Delegación de Vigo contratada a través dunha produtora privada. A sentencia permite á xornalista figurar na nómina da "Galega" e gozar da antigüidade correspondente. A segunda sentencia tamén deu a razón a xornalista Iria Lagarón, nunhas circunstancias similares. As tres sentencias xa ditadas en Lugo conteñen unhas conclusións moi parecidas ás de Vigo. É de agardar pois que o resto das sentencias se pronuncien no mesmo sentido.

Máis comunicados do SXG sobre este caso:

Comments are closed.