O SXG pide a readmisión das dúas traballadoras despedidas por La Región

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) expresa a súa repulsa ao despido de dúas traballadoras polo xornal La Región de Ourense. O Sindicato solidarízase con estas asalariadas e co resto do cadro de persoal, inmerso na negociación do convenio colectivo coa dirección da empresa. O SXG considera igualmente intolerable que se despedise a unha representante dos traballadores no Comité de Empresa. E é que a dirección de La Región despediu fulminantemente a Eva González, representante de FES-UGT.

A organización entende que o despido é unha forma de tentar amedrentar aos traballadores na presente negociación do convenio. Isto sucede, ademais, nun xornal como La Región , que non ofrece unhas boas condicións laborais aos seus asalariados.

Por iso, o SXG solicita a inmediata readmisión das dúas traballadoras. Ademais, o Sindicato mostra o seu apoio ás mobilizacións en solidariedade coas despedidas e chama aos seus afiliados e o resto de traballadores de La Región e dos medios de comunicación a participar nelas. Só a través da mobilización e da negociación cos directivos se logrará poñer fin a precarización das condicións laborais na industria da comunicación de Galicia.

O SXG xa contactou co director de La Región para reclamar que mellore as condicións laborais dos seus traballadores. En todo caso, esixe de novo que as problemáticas laborais se solucione pola negociación e nunca pola vía dos despidos.

Comments are closed.