Seis novos xuízos contra a CRTVG comezan esta semana na Coruña e Lugo

Seis xuízos contra a Compañía da Radio Televisión de Galicia (CRTVG) comezan esta semana na Coruña e Lugo, tres mañá mércores e outros tres o xoves. Os demandantes, que traballan na delegación do ente na cidade herculina, reclaman que se lles recoñeza a súa vinculación laboral directa coa CRTVG. O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) apoia as reivindicacións dos informadores, ata agora contratados a través de produtoras privadas. Ademais, o Sindicato lembra á dirección do ente a súa promesa de acabar coa precariedade na Compañía.

En total, son máis de corenta os traballadores –das delegacións de Lugo, Madrid, Burela, Pontevedra, Vigo e Ferrol- que demandaron á Compañía de forma coordinada e co mesmo fin. Dous deles xa gañaron os seus xuízos en Vigo, polo que a CRTVG deberá incorporalos a súa plantilla.

Noticias feitas por produtoras privadas con cartos públicos

O Sindicato de Xornalistas de Galicia defende que os traballadores das delegacións deben ter os mesmos dereitos cos da central de Santiago. Unha empresa pública non pode ampararse en sub-contratas para reducir os dereitos destes informadores, algo que evidentemente prexudica a independencia coa que estes profesionais poden informar aos cidadáns galegos.

É inadmisible que as delegacións estean en mans de produtoras particulares, xa que estes centros xeran a maioría dos contidos informativos que emite a cadea pública. Unicamente o 37% do tempo dos informativos foron de “produción propia” en setembro de 2005, tal e como recoñeceu a dirección da Compañía ao Parlamento de Galicia.

U-la promesa do bipartito de promover a independencia da Galega?

Ademais dos xuízos na Coruña, catorce vistas máis celebraranse o 25 e o 26 de xaneiro en Lugo. A primeira sentencia deste grupo de demandas deu a razón á redactora, Anxos Padín, que levaba sete anos traballando na Delegación de Vigo contratada a través dunha produtora privada. Dende agora, a xornalista poderá figurar na nómina da "Galega" e gozar da antigüidade correspondente. A segunda sentencia tamén deu a razón a xornalista Iria Langarón, nunhas circunstancias similares. É de agardar pois que o resto de sentencias se pronuncien no mesmo sentido.

Polo tanto, o SXG pide a dirección da CRTVG que deixe de esconder a privatización do ente e asuma o seu compromiso público de regularizar o emprego, tanto nas delegacións como en San Marcos. De non facelo, o goberno bipartito estará a incumprir un dos compromisos que o levaron o poder, promover a independencia dos medios públicos.

Comments are closed.