Traballadores dunha ducia de medios galegos, catalás e andaluces debaten os seus dereitos en Santiago

Varias decenas de xornalistas galegos, andaluces e cataláns xuntáronse hoxe en Santiago de Compostela para debater os dereitos dos traballadores da información. Profesionais de, entre outros medios comunicación galegos, Televisión de Galicia, Radio Galega, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, La Opinión da Coruña, Axencia de Noticias Europapress, Diario de Ferrol, Que, El País e Vieiros participaron no debate, organizado polo Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG). A situación laboral nos medios públicos, os dereitos de autor e os procesos electorais foron algúns dos temas que centraron unha boa parte do debate.

Relatores
Guillermo Polo, da emisora pública de televisión andaluza Canal Sur, e Fabián Nevado, do Sindicat de Periodistas de Catalunya, e os avogados do despacho Angueira&Arnoso explicaron as fórmulas de negociación para reducir a precariedade laboral nos medios e responderon as dúbidas dos xornalistas galegos sobre este asunto. Por parte galega, a situación laboral no Faro de Vigo foi explicada pola representante do Comité de Empresa do xornal decano de España, Amaya del Olmo.

O Sindicato de Xornalistas de Galicia defende os dereitos de traballadores do sector comunicación, incluíndo aos xornalistas gráficos, e forma parte da Federación de Sindicatos de Periodistas (FesP), na que se integran organizacións de Madrid, Cataluña, Andalucía, Baleares, Canarias, A Rioxa e Baleares. As xornadas, baixo o título "Dereitos laborais básicos e estratexias de negociación" celebráronse no Club Internacional de Prensa da Xunta de Galicia e contaron co apoio da Consellería de Traballo do goberno autonómico.

Comments are closed.