Folga nos medios do grupo Editorial La Capital

O Sindicato de Xornalistas de Galicia amosa o seu total apoio aos traballadores e traballadoras do grupo empresarial Editorial La Capital, que este venres 23 de xaneiro levarán a cabo unha xornada de folga e concentracións en distintas cidades de Galicia para reclamar cambios na empresa, como a regularización no abono das nóminas ou o pagamento das débedas pendentes.

O grupo empresarial Editorial La Capital, do que forman parte o Diario de Ferrol, El Ideal Gallego, DxT Campeón, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, acaba de anunciar un terceiro ERE consecutivo, nesta ocasión de extinción para o 50% dos traballadores e traballadoras que se fará efectivo en xuño de 2015. A continuación reproducimos o comunicado da plantilla do Diario de Ferrol, para a convocatoria de folga:

O cadro de persoal de Diario de Ferrol convídate a acudir á concentración que terá lugar este venres, día 23, na praza de Armas ás 11.00 horas para esixir á empresa un compromiso co emprego no xornal, a regularización no abono das nóminas e o pagamento das débedas pendentes.

Ese mesmo venres, o plantel de Diario de Ferrol estará de folga ante a indolencia e a inoperancia da empresa, que non é quen de plantexar un plan de viabilidade que garanta os postos de traballo nin a continuidade do proxecto editorial tal e como se concebiu en 1999. É crucial o voso apoio, sentírmonos arroupados nun momento coma este, para facerlle ver á dirección da empresa a importancia de que Ferrol siga tendo un xornal de seu forte.

Comments are closed.