Ábrese a inscrición para o V Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’ de ACPP e Agareso


A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a ONG Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) acaban de abrir o prazo para inscribirse na quinta edición do Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’. O curso inclúe unha expedición a Marrocos onde dúas das participantes traballarán con organizacións locais..

As bases da cooperación e a comunicación para o desenvolvemento, as boas prácticas informativas respecto dos colectivos en risco de exclusión e os discursos alternativos en torno aos países do Sur son algúns dos temas que aborda o programa. Da man de entidades do Terceiro Sector, investigadoras e xornalistas especializados, profundarase no tratamento mediático da inmigración, a comunidade xitana, o xénero, a pobreza, a discapacidade ou a protección ambiental. Debaterase asemade sobre o xornalismo social en Galicia e a comunicación comunitaria, con relatoras de Centroamérica e África.

Un mínimo de dúas das persoas asistentes ao V Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’ completarán a súa formación en Marrocos. Alí traballarán no eido da comunicación sobre os diferentes proxectos promovidos na zona por ACPP e os seus parceiros locais en áreas como a saúde, emigración, xénero, medio ambiente ou educación.

As aulas impartiranse entre o 24 de febreiro e o 5 de maio, os martes de 16 a 20 horas, na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, que colabora coa iniciativa. Cunha duración total de 40 horas, a actividade está dirixida tanto a xornalistas como a alumnado de Ciencias da Comunicación. As persoas interesadas poden inscribirse ata o 17 de febreiro en seminario@agareso.org. As prazas son limitadas e o custe da matrícula é de 100 euros.

O obxectivo do Seminario é capacitar xornalistas e futuros xornalistas no coñecemento da comunicación social e, máis concretamente, da comunicación para o desenvolvemento, impulsando así a difusión, promoción, denuncia e educación en materia de cooperación e solidariedade. No marco desta acción formativa, estudarase ademais a posibilidade de realizar unha visita ao centro penitenciario da Lama, en Pontevedra, para coñecer os proxectos que alí desenvolve Agareso. O V Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’ conta co apoio económico da Xunta de Galicia.

Comments are closed.