Búscanse voluntarios para a performance Atlas

Persoas de diferentes profesións, idades, orixes e crenzas. É o que Ana Borralho e Joao Galante buscan para darlle vida a Atlas, un espectáculo que reúne sobre o escenario a 100 persoas distintas, entre elas xornalistas, gráficos e comunicadores, conformando unha especie de atlas de organización social humana, unha representación dos seres humanos a través do seu papel na sociedade na que se inxiren.

Para poder levala a cabo búscanse voluntarios que estean interesados en participar nun espectáculo que non é unha obra de arte ao uso, senón unha performance, un traballo en grupo non remunerado no que non é preciso saber idiomas nin ter experiencia en teatro, danza ou artes escénicas.

O único requisito é ter ganas de participar e compromiso de asistencia, con dispoñibilidade horaria na data da representación e na dos ensaios, que durarán unha semana. Nas catro primeiras sesión de ensaio as 100 persoas dividiranse en dous grupos a escoller segundo a dispoñibilidade de cada día en quenda de tarde e noite ou de mañá e tarde. Os dous ensaios seguintes serán de 18 a 23 horas no Cidade da Cultura, ata onde poderán desprazarse nun autobús posto pola organización. A función será o 4 de febreiro ás 20.30 horas, aínda que habería que estar no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura ás 18.00 horas.

Os interesados en participar poden anotarse cubrindo esta ficha de inscrición e reenviándoa xunto coas preferencias horarias a atlas@cidadedacultura.org.

Comments are closed.