A concentración mediática perxudica a calidade da información

A Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP) súmase á xornada europea ‘En pé polo xornalismo’, que se celebra o 5 de novembro, e denuncia que a concentración da propiedade dos medios de comunicación en poucas mans provoca un evidente retroceso no pluralismo e perxudica a calidade da información.

Por sétimo ano consecutivo, a Federación Europea de Periodistas (FEP) –á que pertence a FeSP– convocou esta xornada de loita para defender un marco laboral e lexislativo axeitado para os profesionais do xornalismo, requisito indispensable para que a cidadanía poida recibir unha información veraz, plural e de calidade. Nesta ocasión, o 5 de novembro está dedicado aos perigos que leva consigo a crecente concentración na propiedade dos medios de comunicación en Europa e o seu impacto na calidade do xornalismo e no grave deterioro das condicións de traballo dos profesioais.

A información convértese cada vez máis nunha mercadoría cando debería ser un servizo público ao que ten dereito a cidadanía, un dereito humano e constitucional. Nunha sociedade verdadeiramente democrática, a información debe ser o soporte sobre o que se sustentan o resto dos dereitos para ser exercidos.

A FEP ten denunciado a enorme concentración de medios que acaparan os seis grandes grupos europeos de comunicación. En España tamén existe esa concentración, e boa proba é o caso de Atresmedia y Mediaset, dúas cadeas que consiguen o 60% das audiencias televisivas coas diversas canles e acaparan o 87% dos ingresos. Aquí, ademais, a situación agrávase porque non existe ningunha lei que regule o dereito á información e o xornalismo profesional, un feito que, agás contadas excepcións, non se da nin na Unión Europea nin en gran parte do mundo.

A FeSP, unha vez máis, pide ao Goberno e aos grupos parlamentarios que promovan con urxencia unha lexislación nestas materias acorde cunha democracia moderna. Non terán que inventar nada, soamente analizar as normativas que existen noutros países e trasladalas a España. En Europa o último caso é o Reino Unido, coa promulgación da Royal Charte que entrará en vigor o vindeiro 1 de xaneiro. Tamén teñen todas as disposicións comunitarias e valiosísimos informes de organismos tan solventes como a Unesco.

O Goberno e os parlamentarios españoies tamén poden ser máis ambiciosos e inspirarse nas lexislacións que se están aprobando en distintos países de Latinoamérica, onde teñen regulado por lei a concentración na propiedade dos medios e incluso están a poñer límites a quen pode invertir nun sector tan sensible como a información. Algúns deses países incorporaron ao seu ordenamento xurídico medidas tan democraticamente recomendables como a distribución do espazo radioeléctrico a partes iguais entre os operadores públicos, os privados e os movementos sociais sen ánimo de lucro, o chamado terceiro sector da comunicación.

Neste 5 de novembro, a FeSP fai un chamamento aos xornalistas e ao conxunto da sociedade para que reclamen e apoien medidas que permitan favorecer o pluralismo nos medios e eviten a concentración da propiedade en mans duns poucos que utilicen a información en beneficio propio, sexa polos seus intereses económicos ou políticos e non como ben social.

La concentración mediática perjudica la calidad de la información.


Comments are closed.