Apoio total do SXG á Plataforma en Defenda da Onda Corta de Radio Exterior de España

O Sindicato de Xornalistas apoia expresamente a campaña da Plataforma en Defensa da Onda Corta en Radio Exterior de España (REE) para a recuperación das emisións que foron suprimidas o pasado 15 de outubro. “Consideramos que este servizo garante o cumplimeto do dereito a recibir información de moitos cidadáns que por diferentes motivos están desprazados circunstancial ou temporalmente fóra das nosas fronteiras. Non cremos xustificado o seu peche”, como lle trasladou á Plataforma o secretario xeral do SXG, Santiago Montes.

Esta Plataforma quedou constituída a comezos desta semana para reclamar que se posibilite a chegada de información a millóns de españois e hispanofalantes, desde pescadores a cooperantes, profesores ou misioneiros que, repartidos por diferentes lugares do mundo, só tiñan como nexo de unión con España este servizo público de radio xa que non poden acceder a servizos por satélite ou a través de Internet por motivos que van desde o económico ao puramente técnico. A Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP), na que está incluída o SXG, xa mostrou tamén o seu apoio cun comunicado no que aseguraba que a supresión de REE supón eliminar a única canle de información que trasladaba as noticias de España aos cinco continentes.

A pesar de que segundo os responsables da corporación de Radio Televisión Española (RTVE) as súas emisións resultaban caras e obsoletas, propoñendo unha substitución total pola transmisión de contidos online, dende a Plataforma defenden que REE é a emisora de maior audiencia do conglomerado de Radio Nacional de España ao emitir en sete idiomas, con millóns de oíntes diarios en Hispanoamérica, e ten un mantemento ínfimo comparado con calquera das emisoras do ente público. Este apagón fai perder de xeito inmediato o 95% da audiencia, xa que REE chegaba a lugares do mundo nos que a tecnoloxía aínda é moi precaria.

Asinar en change.org

Segundo recolle a FeSP, malia que as últimas declaracións do presidente da corportación de RTVE, José Antonio Sánchez, apuntan a unha posible reemisión por onda curta, a plataforma seguirá co seu plan de traballo e xa solicitou reunións co propio Sánchez como coa vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, e co presidente do Congreso dos Deputados, Jesús Posada. O calendario tamén inclúe a reunión con todas as administracións e colectivos afectados, a recollida de firmas e a adhesión de novas federacións, coordinadoras e asociacións.

Dende o Sindicato de Xornalistas animamos a todos a asinar na petición creada pola Plataforma en change.org dirixida aos Ministros de Exteriores e de Cultura para que volvan as emisións desta cadea pública.

Comments are closed.