O SXG mostra o seu total apoio aos traballadores do grupo La Capital ante a ampliación do ERTE que están a sufrir

Despois de asinar un ERTE en xullo de 2013, empresa e traballadores do grupo La Capital veñen de asinar unha prolongación ata xuño de 2015 que afectará aos cinco xornais da cabeceira (Ideal gallego, Diario de Ferrol, Diario de Bergantiños, Deporte Campeón e Diario de Arousa). O Sindicato de Xornalistas de Galicia quere mostrar o seu total apoio ao plantel de traballadores afectados, que verán mermada un ano máis a calidade do seu emprego cando estaba a piques de rematar o anterior ERTE plantexado pola empresa e que están a ser os que co seu sacrificio a manteñen.

Este acordo foi apoiado pola maioría dos traballadores a cambio do compromiso da empresa de manter os postos de traballo e unha lixeira variación nas condicións do ERTE anterior. Nesta ocasión en lugar de 10 días de suspensión de emprego serán nove días de suspensión ao mes máis dous días de libranza dos que se fará cargo a empresa e unha reducción de salario similar á do anterior ERTE. Os traballadores que superen os 180 días de paro consumidos serán compensados economicamente pola empresa para salvar ese descenso salarial do 70% ao 50% e aplicarase un complemento salarial para aqueles empregados aos que se lles esgote o paro. Nesta situación a empresa mantén á plantilla nunha situación de precariedade e incertidume que reduce significativamente a súa calidade de vida.

Precariedade laboral

Segundo recolle Galicia Confidencial, algúns traballadores queixanse de presións por parte da empresa para aceptar un acordo que os deixa nunha situación laboral precaria, sen os descansos marcados por lei, con xornadas maratonianas para tentar sacar adiantes unhas cabeceiras nas que houbo redución de persoal pero non de paxinación e cunha importante inseguridade económica, xa que a empresa aínde ten pendente de pago a paga extra de xuño de e media de decembro de 2013, así como a nómina do pasado mes de xuño.

Ante estas acusacións o SXG esixelle á empresa que se poña ao día cos pagos pendentes e lémbralle que non pode reducir as condicións laborais de descansos por baixo do que marca o Convenio de Prensa Diaria en vigor. O Sindicato de Xornalistas de Galicia tamén interpela á empresa sobre o seu proxecto de futuro, co que debería sentar as bases para saír canto antes do bucle de precariedade e incertidume no que ten sumido ao seu plantel. Nun caso reiterado de expedientes de regulación de emprego, como no do Grupo La Capital, a empresa debería ter en conta ademais que os recortes non deben comezar pola base, senón polos cargos directivos, polos gastos de representación e por todo tipo de gastos superfluos, e que debe ter como folla de ruta un plan de viabilidade que mellore a situación financeira da empresa pero tamén a dignidade de emprego do seu plantel, que son os que máis se estiveron a sacrificar por manter á empresa e por cumprir cos seus lectores mantendo o nivel de calidade da información. Calquera recurte de salarios e días de traballo debe aplicarse de xeito escalonado afectando menos a aqueles que teñen menos salario co que vivir e máis a aqueles cuxos ingresos están nos tramos superiores con todas as súas necesidades básicas ben cubertas.


Comments are closed.