Radio Coruña asina un novo convenio que garante a estabilidade laboral

Acordo entre empresa e traballadores para asinar o novo convenio en Radio Coruña, vixente ata decembro de 2016, prorrogable durante anos vindeiros se ningunha das dúas partes o denuncia. Tras meses de negociacións nos que o Sindicato de Xornalistas de Galicia estivo moi implicado, financiando a presencia e soporte en todas as reunións do gabinete xurídico e a través da representante sindical do SXG, dirección e comité de empresa chegaron a un punto de entendemento no que se garante a estabilidade laboral aínda que cunha perda de poder adquisitivo asumible por parte dos traballadores. Os resultados supoñen un cambio considerable a favor dos tarballadores respecto ás primeiras intencións da empresa.

Condicións

Entre os acordos pactados para este novo convenio está a aceptación da empresa de manter íntegra a antigüidade dos traballadores máis veteranos e topar cun 30% a todos aqueles que aínda non chegaran ata este límite. Estes aumentos periódicos serán dun 5% cada cinco anos. Trátase dun avance importante, xa que a dirección chegou á mesa de negociación coa intención de reducir a antigüidade nun 30% sen posibilidade de aumento para os que tiñan unha menor cuantía.

Tras unha conxelación salarial aplicada dende 2010, con este acordo os traballadores acadarán unha subida progresiva sobre a base actual do seu soldo: un 0,5% en 2014, un 1,5% en 2015 e un 2% para 2016. En canto ás pagas extra, aínda que se manteñen as de xullo e decembro, a de beneficios variará nos vindeiros anos: os traballadores recibirán o 4% dos salarios anuais percibidos no ano anterior neste 2014, cantidade que irá incrementándose cada ano nun 0,8% ata chegar ao 8% dos salarios anuais en 2019. Este supón un paso adiante nas condicións económicas dos empregados, xa que en 2011 tiveron que renunciar a unha paga e media.

En canto á xornada laboral, aumentarase a petición da empresa ata un máximo de 40 horas semanais, o que faría un total de 1.760 horas anuais. A cambio, manterase o baremo de compensación ou pago das horas extra, o número de días por asuntos propios (5) e os complementos de dispoñibilidade, de responsabilidade e nocturnidade, algo que a dirección pretendía eliminar nun principio.

Esforzo por parte dos traballadores

Sobre a mesa de negociacións, na que o SXG participou activamente, os membros do comité de empresa puxeron todos os esforzos e compromisos adquiridos polos traballadores nos últimos anos para axudar á empresa a superar a crise económica actual. Froito da boa relación entre ambas partes, xunto á conxelación salarial ou á eliminación ou reducción de pagas os empregados tamén renunciaron nalgún momento a parte dos dereitos recollidos no anterior convenio, como ao cobro das horas extra, aos descansos de 12 horas entre quendas ou ao día e medio de descanso á semana, estando totalmente dispoñible sempre que a empresa ou o xefe de departamento así o requira. Iso non impedíu que a empresa realizara un ERE en 2012 que afectou a dúas persoas e que despedira a outras catro en 2013. O SXG quere felicitar aos traballadores de Radio Coruña pola súa forte determinación en defender os seus dereitos e os seus postos de traballo e agradecer a implicación e traballo do gabinente xurídico Advocatum que foi determinante para a negociación.


Comments are closed.