O Sindicato de Xornalistas apoiará o labor da Facultade de Ciencias da Información no seguimento das prácticas

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) prestará o seu apoio á Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago (USC) no seguimento das obrigas das empresas cos alumnos que fan prácticas. Como primeiro paso, a organización informou aos seus afiliados e afiliadas das condicións da próxima convocatoria de novembro. Trátase de que os profesionais da comunicación, a través do SXG, poidan comunicar á USC calquera irregularidade nas condicións de traballo dos alumnos.

O SXG valora positivamente algúns avances impulsados pola Facultade de Ciencias da Comunicación na supervisión das prácticas, especialmente a suspensión de varios convenios ante os incumprimentos das empresas. Malia todo, o Sindicato cre que estes avances son aínda insuficientes, polo que reclama que se reduza o número de prazas e se aumente o seguimento sobre as condicións nas que os estudantes se forman nas empresas.

As actuais prácticas degradan o mercado laboral no que se integrarán os alumnos

Ademais, o SXG fai unha invitación ó diálogo á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, á Facultade de Ciencias da Comunicación de A Coruña, ó Consello Social da USC e as escolas de Imaxe e Son para acordar un sistema de regulación das prácticas de ámbito galego. En opinión do SXG, tódolos centros formativos deben facer o posible para deixar de contribuír a degradar o mercado laboral que espera os seus alumnos. O SXG anima ás empresas e a outras organizacións profesionais a sumarse a este debate de cara a lograr unha normativa que sexa asumible por todos.

Neste sentido, algunhas decisións da Facultade de Santiago, como establecer un límite de horas semanais (15 horas na convocatoria de inverno) e impedir que os estudantes traballen en postos de responsabilidade son pasos positivos, aínda que cómpre vixiar de preto o cumprimento real destas medidas. O Sindicato, tras reunirse cos alumnos e co equipo de goberno desta Facultade, vai colaborar coa USC no seguimento das prácticas para que, polo menos, as empresas cumpran os compromisos que asumiron ao participar nesta convocatoria.

Dende o punto de vista do SXG, cómpre impedir que novas xeracións de universitarios e universitarias, levados polo seu entusiasmo, rematen como man de obra especializada e de baixo custe, nunhas empresas que aproveitan o enorme e constante fluxo de estudantes en prácticas para non crearen postos de traballo dignos.

15 de outubro de 2006

Comments are closed.