Un informe evidencia a desigualdade imperante nos cargos directivos do sector da comunicación


Os homes copan os postos directivos no sector xornalístico. Esa é a principal conclusión do informe ‘A muller na cultura galega (II)’, elaborado polo Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega, no que se constata que, agás nos medios públicos, a presenza das mulleres escasea canta maior é a responsabilidade do posto laboral.

No eido da comunicación, a pesar de que as mulleres son maioría na profesión, o patrón volve a repetirse: o informe deixa patente que nos medios de comunicación a presenza feminina é menor canto maior é a responsabilidade desempeñada. Así, por exemplo, no Clúster Audiovisual Galego, a asociación empresarial de referencia dentro do sector, os homes ocupan o 72% dos cargos directivos.

Tras a análise da estrutura laboral en xornais, radios e televisións, o informe constata que a dirección dos principais medios de comunicación en Galicia recae nun home, reducíndose a participación feminina ata apenas o 28%. Sen embargo, esta porcentaxe varía moito dependendo do tipo de medio: mentres que en televisións (co 66,7% de mulleres directivas) e axencias gráficas (50%) chégase á equidade ou mesmo se supera, en outros medios como delegacións e corresponsalías (23%) ou radios (15%) as mulleres están en clara desvantaxe. O caso máis grave dase nos xornais deportivos, nos que a presenza feminina é nula (0%).

Participación do SXG

O Sindicato de Xornalistas de Galicia tamén foi consultado para a elaboración do informe, cun resultado bastante alonxado das estadísticas: o informe reflicte que é a única estrutura organizativa no que as mulleres son maioría, xa que representan o 54% da afiliación. No resto de colexios profesionais, sindicatos e asociacións (escritores, actores, artistas plásticos e músicos) analizadas a maioría dos seus compoñentes son homes, aínda que na maioría dos casos con diferenzas entre sexos relativamente pequenas.

Elas, máis perxudicadas coa crise

O xornalismo é unha profesión moi feminizada, xa que as novas promocións que saen cada ano das universidades están compostas na súa maioría por mulleres. E, como tal, son elas as que máis perxudicadas saíron cos recortes e medidas adoptadas polos medios de comunicación durante a crise. Soldos inferiores para idénticas responsabilidades, escasa conciliación laboral, maior índice de despidos… converten o día a día das xornalistas nunha carreira de obstáculos nos que a discriminación no acceso aos cargos de responsabilidade convértese nun dos chanzos máis a superar.

Accede aquí ao informe ‘A Muller na Cultura Galega (II)’ ao completo.


Comments are closed.