Este 1º de maio, unidos pola dignidade


O Sindicato de Xornalistas de Galicia aunará forzas con outros seis sindicatos alternativos para marchar este 1º de maio nunha manifestación conxunta que percorrera as rúas de Vigo. O SXG participará xunto con CUT, CGT, CNT, STEG (Sindicato de Traballadores do Ensino de Galiza ), SF-Intersindical (Sindicato Ferroviario) e SE (Sindicato da Elevación) nunha marcha reivindicativa que sairá ás 11 horas da Praza Fernando el Católico e que rematará na Porta do Sol, onde representantes dos distintos sindicatos lerán un manifesto conxunto.

Os detalles da marcha foron presentados esta mañá en rolda de prensa en Vigo nun acto no que participaron representantes de todos os sindicatos.

Baixo o lema ’1º maio: unir as loitas pola dignidade’, os sete sindicatos suman forzas para pór de relevo todos os problemas aos que se enfrenta a clase traballadora, que conleva unha continua perda de dereitos. Con esta marcha reivindicaranse ademais melloras laborais, como a eliminación da lexislación vixente tras as numerosas reformas laborais, o adianto da idade de xubilación, a igualdade salarial, o dereito á negociación dos traballadores dentro da empresa, a eliminación das horas extra e a mobilidade funcional e xeográfica ou a prohibición das ETTs.

Ademais da manifestación en Vigo, os sindicatos alternativos e de clase convocarán marchas noutras tres cidades galegas:
- A Coruña. Ás 12.30 horas desde a Praza de Pontevedra.
- Santiago de Compostela. Ás 12.30 h dende a Porta do Camiño.
- Cangas do Morrazo. Ás 17.30 horas dende a Alameda.

O SXG anima a todos os traballadores do sector da Comunicación a participar de xeito activo na manifestación, así como a vestir as camisetas reivindicativas do sindicato tanto ao acudir á marcha como no exercicio do seu traballo durante toda a xornada.

Podes ler aquí o Manifesto alternativo do Sindicalismo Alternativo e de Clase ao completo.


Comments are closed.