Atlántico Diario plantexa un novo ERE

Comité de Empresa e dirección empresarial de Atlántico Diario están a negociar os aspectos dun segundo ERE, que seguiría os pasos do expediente de regulación de emprego feito hai uns meses na outra cabeceira do grupo, La Región, e que aínda non concluiu. Esta proposta de ERE chega case un ano despois doutro feito por esta cabeceira e que deixou ao corpo laboral nun estado precario.

Tan só preto de 30 traballadores conforman o xornal vigués e nesta ocasión o ERE afectaría a 10 deles, deixando unha exigüa plantilla para sacar á rúa a edición diaria. A proposta feita pola empresa contempla o desmantelamento de departamentos como fotografía ou producción. Esta medida iría acompañada dunha rebaixa salarial do 10% para o resto de empregados.

Aínda que sen prazos marcados, a partir do vindeiro 1 de maio os colaboradores habituais da cabeceira deixarán de prestar os seus servizos a Atlántico Diario, algún deles na sección de opinión xa se despediu dos lectores estes días ao non contemplar seguir colaborando sen cobrar. As pautas marcadas son similares ás levadas a cabo hai uns meses en La Región, que acabou coa externalización dos servizos.

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) lamenta que a empresa non sexa capaz de reconducir a situación sen botar man destes instrumentos de paro e precariedade laboral, desde o SXG cremos que os xestores que están a levar a este xornal a estes extremos de precariedade deberían ser os primeiros en deixar os seus cargos para que outros poidan conducir un proxecto xornalístico viable e que proporcione un servizo de información de calidade. O SXG expresa o seu apoio aos traballadores de Atlántico Diario ante a negociación e agarda que o alcance deste ERE poida reducirse significativamente na negociación para o que contan co Sindicato de Xornalistas de galicia no que este poida ser de utilidade.

O SXG lembra que Rías Baixas Comunicación, editora de Atlántico, e a súa matriz, o grupo La Región de Ourense, reciben, ao igual que o resto de empresas editoras de xornais en papel, importantes subvencións públicas. As administracións seguen a entregar diñeiro ás empresas de comunicación sen esixirlles sequera un plan de emprego, algo que non sucede en ningún outro sector económico e que ademais contravén un acordo acadado no Parlamento de Galicia por unanimidade de todos os grupos. O SXG xa alertou en xaneiro de 2012 sobre o perigo de desaparición paulatina de medios locais en Galicia que agora se está a ver e contra o que ningunha administración quixo tomar medidas malia o deterioro informativo que iso implica respecto ao xornalismo de proximidade.


Comments are closed.