Axudas ós concellos para a Televisión Dixital Terrestre

Búscase que non queden areas sen cobertura

A Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, vén de convocar unha primeira liña de axudas para a realización de estudos, proxectos, certificacións e dotación de equipamento para o establecemento de infraestruturas de televisión dixital de baixa potencia, dotada con 250.000 euros. Así se establece nunha orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Os obxectivos destas subvencións son, por unha banda, incentivar a iniciativa local para a realización de estudos, plans e proxectos técnicos de telecomunicación e por outra estimular a adquisición de equipos para o establecemento de infraestruturas de difusión de baixa potencia en redes de televisión dixital terrestre. Así se recolle na disposición adicional duodécima do Real Decreto 944/2005, do 29 de xullo, que especifica as condicións que deben cumprir os concellos para estender a cobertura dos sinais de televisión dixital.

Esta convocatoria efectúase en réxime de concorrencia competitiva atendendo a dúas liñas de actuación. A primeira liña apoiará a realización de estudos de cobertura, a planificación de novas instalacións ou a realización de proxectos técnicos de telecomunicacións. A segunda liña consiste na dotación de equipos para o establecemento de infraestruturas de difusión de baixa potencia en redes de frecuencia única de televisión dixital terrestre, e a correspondente certificación de instalación.

Nesta primeira convocatoria prevese que opten ás subvencións aqueles concellos que xa detectaran problemas de cobertura que poidan ser subsanadas coa instalación de enche-ocos. Daráselle prioridade en todo caso ás situacións máis urxentes de acordo co protocolo de actuacións definido na propia convocatoria de axudas.

Empresas e profesionais con autorización
As empresas que están autorizadas para realizar este tipo de instalacións son as recollidas na Orde CTE/1296/2003, pola que se desenvolve o regulamento de infraestruturas comúns de telecomunicacións para o acceso aos servizos de telecomunicación, aprobado polo Real Decreto 401/2003, de 4 de abril.

As entidades deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas Instaladoras de Telecomunicación da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información dentro do tipo D, correspondente a centros emisores de radiocomunicacións. Estas empresas deberán dispoñer de equipos de medida coa calidade, prestacións, e precisión axeitadas.

Pola outra banda, os enxeñeiros e os enxeñeiros técnicos de telecomunicacións son os profesionais competentes para o deseño e despregue deste tipo de instalacións.

O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel J. Fernández Iglesias, xa se reuniu con representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para informar sobre as actuacións vinculadas a esta iniciativa, así como doutros aspectos do despregue da Televisión Dixital Terrestre e o apagón analóxico do 2010, co obxectivo de definir áreas de actuación conxunta.

Comments are closed.