O SXG convoca a participar nas movilizacións deste xoves da Alianza Social Galega

Alianza Social GalegaO Sindicato de Xornalistas de Galicia, integrante da Alianza Social Galega desde a súa constitución en 2012, fai un chamamento a toda a súa afiliación e simpatizantes a participar este xoves 27 de febreiro nas manifestacións ou concentracións convocadas por todo o país baixo o lema ‘Por outra saída da crise’. Membros da Executiva do SXG tomarán parte na manifestación convocada en Compostela.

Tal e como consta no Manifesto desta convocatoria as organizacións e entidades que conformamos a ALIANZA SOCIAL GALEGA buscamos unha resposta colectiva ás nefastas políticas antisociais que impoñen os Gobernos de Galicia e o Estado español coa cortada da crise e do pagamento dunha débeda pública ilexítima, seguindo os ditados da Unión Europea, do Fondo Monetario Internacional, do Banco Central Europeo e da patronal neoliberal. Por iso hoxe volvemos denunciar os novos recortes impostos polo Partido Popular que só conseguen aumentar aínda máis o paro, a emigración, os desafiuzamentos, o empobrecemento e a exclusión social de máis galegos e galegas.

A Alianza Social Galega sae de novo a rúa para deixar clara a posición da sociedade ante cuestións como a nefasta situación na que deixaron aos traballadores cunha cruel e reforma laboral que en ningún caso mellorou as cifras de emprego nin conseguiu reducir o aumento do paro, o recorte ás pensións,  os retrocesos no ensino público galego, as agresións continuadas e calculadas para o desmantelamento da sanidade pública, a paralización e marcha atrás na aplicación da lei de dependencia, a privatización de servizos públicos municipais e o ataque aos dereitos das mulleres.

Ademais, a plataforma, composta por  diferentes colectivos  sindicais, sectoriais e do asociacionismo máis diverso, carga contra as medidas que afectan a traballadores autónomos, o intento de levarnos a un Estado policial e advirte da necesaria reforma da lei hipotecaria, a desertización do rural e a destrución do entorno.

A representación na rúa do noso descontento coas medidas políticas a través desta Alianza Social Galega debe servir para desfacer calquera intento de interpretar en clave partidista a enorme oposición social ás medidas políticas dos actuais gobernos da Xunta e do estado español.

Manifesto_da_Alianza_Social_Galega_para_o_dia_27_de_febreiro

 

MANIFESTACIÓNS

Ourense 19:30 Pabellón dos Remedios
Pontevedra 20 Praza Ferrería
Santiago 20 Alameda
Ferrol 20 Praza España
Coruña 20 Casa do Mar
Lugo 20 Ronda da Muralla
Vigo 19:30 Vía Norte
Arousa 20 Avda. Mariña
Burela 19:30 Praza do Concello
Ribeira 20 Estación autobuses

 

CONCENTRACIÓNS

Monforte 19:30 Praza España
Vilalba 21:30 Casa da Cultura
Cangas 20:00 Casa do Concello

 

Comments are closed.