O PP acusa á CRTVG de aproveitarse da precariedade dos traballadores para manipular as novas sobre os lumes

Acusa ó director xeral de censurar a "falta de medios"

Os galegos recurren a canles internacionais para informase dos lumes, segundo os conservadores. Nun comunicado, o Partido Popular de Galicia "amosa a súa solidariedade e todo o seu apoio aos traballadores dos medios públicos galegos polo esforzo e profesionalidade que están a demostrar na cobertura da catástrofe do lume que está a arrasar Galicia".

Os conservadores rexeitan "a actitude do director xeral da CRTVG que responsabiliza aos profesionais de que nos sete primeiros días do desastre ecolóxico e humano non se fixera nin un só minuto de programación especial". O PP cre que Benigno Sánchez elude as súas competencias e descarga a súa inoperancia nos traballadores.

Segundo os populares a situación de "apagón informativo agrávase coas prácticas de censura e manipulación que practica o director de informativos Roberto Cid".

Na súa web, os conservadores argumentan que "na TVG emitiuse a orde de non recoller declaracións críticas coa falta de medios da Xunta para apagar os lumes e deuse a consigna de reproducir as palabras do presidente Touriño de que "a situación está baixo control" ".

O PPdeG rexeita a presión sobre os traballadores, moitos con contratos en precario e outros desprazados fora dos telexornais, para que en vez de información fagan propaganda a favor da Xunta.

10 de agosto de 2006

Comments are closed.