Os traballadores e traballadoras de La Voz aceptan o preacordo asinado coa empresa

O acordo foi aprobado polo 52% da plantilla, o que supuxo o 57% do total dos votantes, mentres que un tercio do total dos traballadores e traballadoras de La Voz de Galicia amosouse claramente en contra das medidas que contempla este preacordo. Dos 327 empregados con dereito a voto, 295 acudiron ás urnas, dos que 171 votaron a favor, 108 en contra e 16 en branco. Eran necesarios 164 votos para aprobar o acordo

Uns resultados moi axustados que se extraen das asambleas levadas a cabo nos diferentes centros de La Voz e que dotan de total lexitimidade á proposta que o Comité Intercentros aceptaba como alternativa ao proceso de inaplicación do convenio colectivo en vigor.

Medidas a adoptar

A cambio da garantía incondicional por parte da empresa de manter o emprego ata setembro de 2014 supeditada aos datos económicos do vindeiro ano, a plantilla acepta unha rebaixa salarial do 6,25% de media no exercicio anual de 2013 e do 12,5% en 2014, o que suporía o importe aproximado a unha paga extra este ano e a dúas o vindeiro. Como medida de boa fe e «para compensar o esforzo soportado pola plantilla», en caso de obter ganancias a empresa contempla o reparto entre o persoal dunha porcentaxe dos beneficios brutos antes de impostos que consiga nos exercicios de 2014.

A dirección de La Voz acompañara a minoración salarial e o compromiso de mantemento de emprego con outra serie de medidas, como a redución do 9% na facturación de colaboracións externas; a redución do 16,6% en 2013 e 2014 a conselleiros e administradores da empresa; a rebaixa do 12,5% nas retribucióna á Alta Dirección e unha rebaixa aproximada de 2 millóns de euros nos gastos de explotación.

Valoración

Dende o Sindicato de Xornalistas de Galicia faise un chamamento á toda a plantilla de La Voz de Galicia a manter a unidade nun momento tan complicado ao tempo que se espera que o preacordo asinado sexa o que menos perxuizos traia aos traballadores e traballadoras. Por outra banda, o SXG esixe á empresa que cumpra cos termos e prazos recollidos neste acordo, no que os traballadores amosan unha vez máis a súa disposición de arrimar o ombreiro e solucionar cos seus sacrifizos os problemas que vén arrastrando o Grupo Voz.

Comments are closed.