Comunicado do Consello Directivo do SXG

O Consello Directivo do Sindicato de Xornalistas de Galicia reunido en Santiago de Compostela o día 13 de xullo de 2013 fai público o seguinte comunicado

O SXG chama a todos os estamentos da sociedade a estremar a alerta sobre a situación crítica pola que está arestora a pasar o sector da información en Galicia coas consecuencias que iso ten sobre o dereito da cidadanía á información que é unha das bases fundamentais do estado de dereito e como tal está recollido na Constitución Española.  A pluralidade informativa e lingüística, a liberdade de prensa, o acceso das voces das minorías aos medios de información e a transparencia obrigada dos poderes públicos vense hoxe gravemente ameazadas polos efectos da crise económica e a as maneiras que teñen as empresas do sector e as administracións de afrontala.

A profesión xornalística está a sufrir especialmente a recesión económica actual cunha enorme cifra de despedimentos e dexeneración das condicións laborais nos derradeiros anos, crise que no caso deste sector ven agrandar unha pésima  situación previa que sempre foi denunciada desde este sindicato e que nas épocas nas que a economía non era motivo de preocupación social xa amosaba unha enorme precariedade e unhas condicións de traballo mesmo abusivas en moitos casos.  Na actualidade moitos medios de comunicación desapareceron polo camiño ou están a piques de desaparecer e sobre outros están as sombras da incerteza da súa viabilidade mentres continúan con exiguas plantillas que dificilmente poderán acadar os niveis de calidade que a cidadanía precisa na información e que eles mesmos quererían conseguir. Isto conduce a unha insatisfacción sobre o produto xornalístico tanto a nivel profesional como social que se está a traducir en que a sociedade dá un baixo recoñecemento social  á profesión xornalística e non lle outorga credibilidade nin seriedade.

O Consello Directivo do SXG fai un chamamento pola responsabilidade social ás institucións públicas, cúpulas empresariais, partidos políticos, centrais sindicais e aos profesionais da información sexa a nivel individual ou a través das súas asociacións. O sindicato ínstaos a poñer os problemas deste sector entre as súas máximas prioridades á hora de tomar decisións e chegar a acordos que fagan cambiar a deriva negativa actual e preserven a existencia dun panorama mediático galego diverso, de alcance e calidade no que toda a cidadanía poida recibir información dos temas e lugares que a preocupan e nos que as/os profesionais poidan dispor de liberdade para informar e medios para facelo podendo vivir dignamente de facer un traballo que conleva unha enorme responsabilidade social pero que apaixona á maioría deles.  O SXG amósase aberto ao diálogo con todas as institucións e organizacións políticas, sindicais ou profesionais na busca de maneiras de abordar a situación e propor solucións.

Instamos á Xunta de Galicia a poñerse mans á obra na recondución da situación actual a través dun verdadeiro plan sectorial de actuacións que persiga a viabilidade no sector cuns parámetros centrados na oferta de información de calidade e o mantemento e creación de emprego nas empresas  e que rexeite a opción de seguir inxectando fondos nos medios de xeito descontrolado pola fórmula de convenios ou campañas publicitarias que só contribúen á maquillaxe das contas anuais das empresas e a incrementar a sensación dun xornalismo ao servizo do poder.  A existencia de liñas de axuda deben seguir criterios de viabilidade serios e que contemplen o mantemento ou creación de emprego como prioridade, ademais das correspondentes á normalización lingüística que requiren o máximo criterio e seriedade na súa concesión para servir realmente ao seu fin. Asemade reclamamos un apoio decidido da Xunta e o Parlamento de Galicia á continuidade e o progreso da CRTVG como un modelo de medios de comunicación con carácter de servizo público,  independentes respecto a inxerencias do poder ou manipulacións, integrados por profesionais de plantilla en todos aqueles postos e cometidos nos que exista xa esa posibilidade de aproveitamento, que aposte pola produción propia e cun modelo de atención á cidadanía nas súas necesidades informativas así como de normalización lingüística.

O Consello Directivo do SXG quere ademais chamar a atención sobre os procesos actualmente abertos en varias empresas da comunicación galegas ou de implantación en Galicia para dirixirse ás cúpulas desas empresas e asegurarlles que por moito que consigan “reparar” as súas contas por medio de despedimentos, rebaixas salariais ou falsos procesos de accionariado entre a súa masa traballadora non van conseguir melloralas nin obter  recoñecemento social por ese camiño que só leva á uniformización dos contidos entre medios e á rebaixa no alcance e calidade do produto xornalístico que é o seu sentido de existencia. Para  evitar as súas caídas ou talvez desaparición  as empresas deberán  manter equipos  coas dimensións necesarias para sacar un medio adiante cada día cuns parámetros de esixencia necesarios e nunhas condicións de traballo dignas. O Consello Directivo expresa a súa solidariedade cos traballadores de todos os medios de comunicación públicos ou privados do país neste momento tan duro e ofrécelles a súa axuda no que precisen, ademais nomeadamente amosa o seu apoio ás plantillas e comités de CRTVG, Radio Coruña e La Voz de Galicia que neste momento están a negociar as súas condicións de traballo e mesmo a continuidade dos seus postos nun contexto de lexislación laboral feita expresamente para socavar os dereitos da clase traballadora.

Por unhas condicións de traballo dignas para facer un xornalismo digno.

Comments are closed.