AS TRES NOVAS TELEVISIÓNS LOCAIS DE FERROL PROMETERON CREAR 156 EMPREGOS

Os traballadores de Canal 31 aseguran que a Xunta de Galicia lles informou que as tres novas canles de Televisión Dixital Terrestre (TDT) en Ferrol crearán 156 empregos. Así llo fixeron saber os empregados ó Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG). Ante este dato, a organización sindical reitera que vixiará o cumprimento das promesas de creación de emprego feitas por tódalas empresas que lograron as concesións de TDT.

Canal 31 é unha das empresas que o Goberno Galego excluíu da adxudicación de 46 novas licencias de TDT. Os traballadores das televisións excluídas quedarían sen emprego en 2008; no caso de confirmarse o peche en 2008 das canles analóxicas que emiten na actualidade pero que non lograron unha licenza de TDT. Na opinión do Sindicato, os traballadores das empresas excluídas son os principias prexudicados da polémica resolución do concurso.

La Opinión de La Coruña , Editorial La Capital S.e Radio Coruña foron as empresas que conseguiron as licenzas en Ferrol. O SXG non entra a valorar a selección de empresas feita pola Xunta de Galicia o pasado de 6 de xullo. Sen embargo – e como xa manifestara publicamente con anterioridade – a organización non permitirá que o lanzamento destes medios se realice a costa de facer aínda máis precarias as pésimas condicións laborais dos traballadores da comunicación.

O SXG entende que a introdución da televisión dixital é unha oportunidade única para mellorar as condicións laborais nas televisións locais. Na actualidade, as emisoras locais son un dos sectores da comunicación con unha maior precariedade. Por iso, o Sindicato denunciará publicamente ás operadoras de TDT que non cumpran os compromisos laborais presentes nas súas propostas oficiais.

Oportunidade para o bipartito
de cumprir a súa promesa electoral

O SXG lémbralle ó Goberno de PSdG e BNG que, se quere cumprir a súa promesa electoral de promover a independencia dos medios, é imprescindible que fomente unha mínima estabilidade laboral entre os traballadores. Non hai medios independentes cando os xornalistas non teñen un emprego digno. Por iso, a introdución das emisoras dixitais constitúe unha oportunidade única para a Xunta de fomentar un xornalismo independente.

Na actualidade, a contratación de falsos autónomos, as xornadas abusivas e a explotación de estudiantes en prácticas son prácticas habituais na maioría das empresas da comunicación en Galicia. O aumento destas formas de explotación laboral sería unha das consecuencias de que a Xunta non faga cumprir os compromisos adoptados polas empresas nas súas propostas.

Comments are closed.