O SXG insta á Xunta a traballar para encher o oco que deixa Popular TV Galicia cun novo proxecto que cree postos de traballo dignos e estables

A imposibilidade económica de manter o proxecto levou á xunta de accionistas de Popular TV Galicia a decidir o peche da delegación autonómica o 31 de xullo, o que deixará na rúa a unha vintena de profesionais, entre traballadores contratados e colaboradores. Unha situación que o Sindicato de Xornalistas de Galicia lamenta profundamente pola perda de empregos que leva acarrexada, sobre todo nun momento tan delicado para os traballadores dos medios de comunicación galegos.

O SXG considera que, sen embargo, este oco na televisión dixital non debe permanecer baleiro. Por este motivo, o Sindicato de Xornalistas pide á Xunta de Galicia que recupere canto antes a concesión desta cadea de TDT e propoña a aqueles os interesados que quedaron fóra durante o proceso de concesións a posta en marcha dun novo proxecto de comunicación, coa esixencia de que leve aparellado a creación de postos de traballo en condicións estables e dignas.

Asignación polémica

Tras obter unha das dúas licencias adxudicadas en 2005 polo goberno de Manuel Fraga, Popular TV Galicia foi a primeira canle privada de Galicia en comezar as súas emisións na TDT en outubro de 2009. Unha asignación que non estivo exenta de polémica, xa que a concesión a Popular TV-COPE, controlada pola Confederación Episcopal española, deixaba fóra a un amplo abano de empresas de comunicación con capital galego, algunha delas con estruturas, equipos profesionais e emisión local en continuidade dende hai anos.

Comments are closed.