O SXG amosa o seu apoio ás traballadoras e traballadores de La Voz de cara á folga do vindeiro 10 de xullo

Paros de 15 minutos o mércores 3 de xullo e folga o vindeiro día 10. Esas son as medidas que tomarán as traballadoras e traballadores de La Voz de Galicia ante a decisión da empresa de pechar a mediación en Madrid para recurrir inmediatamente á Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos, que podería emitir unha resolución vinculante a mediados do mes de xullo sobre a inaplicación das condicións salariais pactadas no actual convenio colectivo. O Sindicato de Xornalistas de Galicia quere amosar o seu total apoio ao calendario de mobilizacións consensuado en asamblea co Comité de Empresa, que ten por obxectivo conseguir que a empresa negocie de boa fe e «abandone o camiño dos feitos consumados».

Antes de que a Comisión Consultiva emita o seu fallo, o Comité de Empresa fai un chamamento a participar no paro de 15 minutos convocado para o vindeiro 3 de xullo en horario de 12.00 a 12.15 horas para a quenda de mañá, de 17.00 a 17.15 h na de tarde e de 22.00 a 22.15 h na de noite. O calendario de mobilizacións rematará coa convocatoria dunha folga para o vindeiro mércores 10 de xullo.

Vía da negociación

Con estas medidas, refrendadas en asamblea, trátase de defender os postos de traballo e as condicións laborais mentres segue adiante a vía xudicial impulsada pola empresa. Sen embargo, os representantes dos traballadores seguen a manter aberta a vía da negociación solicitando de novo a través do Comité Intercentros unha reunión coa dirección da empresapara iniciar unha rolda de encontros cos que acadar un acordo no que se garanta o emprego á plantilla actual.

O Sindicato de Xornalistas ponse á disposición do Comité de Empresa para colaborar en calquera das estratexias que deseñen para retomar o camiño da negociación coa empresa para chegar a un acordo «proporcional» coa situación actual de La Voz de Galicia, sexto xornal en difusión a nivel estatal, unha posición que só se pode manter «cunha aposta decidida da empresa por un traballo de proximidade como o que se fai nas delegacións».

Comments are closed.