O Colexio de Xornalistas critica o reparto das licencias de televisión dixital a grupos non galegos

Califica de colonialista a decisión da Xunta

A resultas do sucedido, queremos facer constar o seguinte:

1. A radio e TV dixitais introducían no país unha ocasión de ouro para reequilibrar o espazo galego de comunicación, actualmente hipotecado polas concesións de emisoras de radio analóxicas que os sucesivos gobernos galegos puxeron maioritariamente nas mans das grandes cadeas que teñen a súa base operativa en Madrid.

2. Denunciamos por iso no seu día a convocatoria das licencias dixitais que fixo o goberno de Fraga Iribarne a escasa datas das últimas eleccións autonómicas, esixindo daquela que fose revocada, rexeitando en todo caso que unha Xunta en funcións decidise as concesións previstas. Non foi así. Pola contra, unha decisión politica e moralmente rexeitable coma esa serviu para que unha das dúas licencias de TV dixital de ámbito autonómico fose parar a unha empresa ideoloxicamente afín, Popular TV-COPE, controlada pola Conferencia Episcopal española, en detrimento dun pool de empresas de comunicación galegas.

3. Manifestámonos a prol de que a nova Xunta aceptase o recurso que as empresas marxinadas presentaron contra esa concesión, confiando en que os gobernantes do cambio cumprisen o que prometeran durante a campaña electoral: poñeren en marcha os procedimentos político-administrativos que argumentasen e xustificasen a nulidade radical do acordo do Consello da Xunta do 22 de xullo do 2005. Empezando xa que logo de cero, sen hipotecas previas. Pero tampouco foi así. A Xunta ignorou durante este seu primeiro ano o recurso, e nunca decideu revisar esa adxudicación, pese a que se tiñan detectado irregularidades e infracións normativas no informe técnico que avaliara a concesión outorgada por un goberno en funcións.

4. Confiabamos, pese a todo, en que o goberno bipartito non abordase as restantes concesións da TDT sen antes ter creado o Consello do Audiovisual de Galicia, o organismo que debera asumir entre outras competencias a de facer unha proposta vinculante de reparto das novas licencias audiovisuais, tal e como reivindicamos antes e despois das pasadas eleccións, e tal como tanto o PSdeG como o BNG asumiran nos seus respectivos programas, quedando implicitamente recoñecido así no programa de goberno. Ese Consello do Audiovisual, que habería de ter garantida a súa independencia partidaria, asumiría esa competencia, desgubernamentalizando todo o proceso.

5. A concesión de 46 licencias de emisoras locais de TV dixital terrestre o pasado día 6 de xullo botou definitivamente pola borda todos eses obxectivos, ligados única e exclusivamente á necesidade e ao dereito que ten o noso país de autogobernarse tamén no ámbito estratéxico da comunicación, o que comporta manter a capacidade de decisión liberada de ataduras que poñan en risco o pluralismo e o carácter de servizo público esencial dos medios, así como afortalar o seu tecido industrial para facelo empresarial, tecnolóxica e culturalmente competitivo no mundo globalizado.

6. Só pode ser calificada de entreguista a decisión que, aínda sen contar co apoio e o consenso do socio nacionalista, adoptou a Presidencia da Xunta ao incrementar o poderío mediático dos grandes grupos españois de comunicación que veñen operando en Galicia, concedéndolles a parte máis apetitosa das licencias locais de TDT, aquelas que lles garanten o control audiovisual maioritario nas cidades e grandes áreas metropolitanas. Isto que xa é grave de por sí, pois que fai inevitable de facto a capacidade de certos operadores españois para monopolizar o ámbito audiovisual galego no futuro inmediato, éo moito máis aínda por responder esa preferencia a un criterio de afinidade ideolóxico-partidaria que sirva na práctica para reducir o pluralismo e para amagar as xa de por sí escasas marxes de socialización que teñen a nosa cultura e a nosa lingua.

7. É condenable, ademais, porque ao facelo así, a Xunta marxinou iniciativas empresariais de capital galego, algunhas das cales contan xa desde hai anos con estruturas, equipos profesionais e emisión local en continuidade.

8. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, a través do Observatorio Galego dos Medios, manterán unha vixilancia extrema sobre o proceso que agora se abre para a posta en funcionamento de todas e cada unha das emisoras de TDT, comprometéndose a denunciar ante a opinión pública galega e ante as instancias xurídico-administrativas pertinentes calquera incumprimento das bases (produción propia nun 60% da programación, da que a metade debe emitirse en galego, lingua que ha de ser utilizada de xeito usual, e creación de postos de traballo, entre outros) que eran requisito imprescindible para que os demandantes, galegos e foráneos, puidesen acceder ás licencias ofertadas. Asímesmo, demandan do goberno bipartito o cumprimento estricto dos seus compromisos programáticos en materia de comunicación. Entre eles, o da creación do Consello do Audiovisual antes de que se faga pública a convocatoria de novas licencias radiofónicas, analóxicas e/ou dixitais, delegando nel a competencia das adxudicacións.

Comments are closed.