O SXG ‘agradece’ a defensa de La Región dun reparto democrático das axudas aos medios de comunicación

O Sindicato de Xornalistas de Galicia leva anos reivindicando que o reparto das axudas estatais, autonómicas, provinciais ou locais aos medios de comunicación non está a ser xusto nin democrático, nin moito menos transparente,  ademais de reclamando que todas as axudas e concorrencias competitivas estean vinculadas ao fomento do emprego estable e digno. Unha loita, a do SXG, que aínda que con coincidencias é moi diferente da que agora parece quere emprender a cabeceira La Región, que a través dun editorial e un artigo denunciou  o pasado luns a «discriminación» á que están sometidos os medios ourensáns e o emprego por parte da Xunta destas subvencións como método para «premiar fidelidades e castigar á crítica».

Este comunicado veu a luz despois de que a Xunta de Galicia decidira difundir na provincia unha Guía de prevención fronte a riscos no sector agroforestal a través doutro medio de menor difusión na zona que La Región, mentres que en Lugo fíxose a través de El Progreso. Sen embargo, o grupo dirixido por Óscar Outeiriño esquécese de que, ademais da difusión, os principais criterios de distribución dos cartos públicos entre os medios de comunicación son o fomento da estabilidade laboral e o uso real do galego en todas as seccións. Uns requisitos que na cabeceira de Rías Baixas Comunicación están lonxe de conseguir.

Plantillas irrisorias

Para defender a «pluralidade e a liberdade para informar» que tanto demanda La Región é fundamental apostar polos corpos de redacción, polo capital humano, algo que non se está cumplindo en ningunha das cabeceiras do grupo, onde o adelgazamento das plantillas a través de Expedientes de Regulación de Emprego e as baixadas de soldo deixan aos traballadores nunha situación de precariedade extrema.

A pesar da mala xestión que se está levando a cabo en La Región, con importantes débedas e créditos a pagar, segundo os últimos balances a empresa segue a ter beneficios. Iso non impediu que levara a cabo un ERE no que se vían afectados 35 traballadores escusándose en razóns económicas, organizativas, técnicas e produtivas. Unha das principais razóns esgrimidas pola empresa para facer todos estes recortes era precisamente o descenso na publicidade, pero o Grupo La Región ingresou máis de 1,4 millóns de euros da Xunta de Galicia na lexislatura anterior.

Atlántico Diario non se atopa en mellores condicións. Cunha plantilla adelagadaza ata mínimos case imposibles, o xornal vigués acometeu un ERE temporal por seis meses que afectou a unha ducia de traballadores, moitos deles con décadas de experiencia e dos que non se ‘rescatou’ nin á terceira parte tras a finalización do expediente regulador.

Axudas si, pero con emprego estable

Sen embargo, o Sindicato de Xornalistas de Galicia ‘agradece’ a denuncia pública feita por La Región que dá a razón aos que xa levamos tempo poñendo sobre a mesa a falta de transparencia da política de medios levada a cabo pola Xunta nesta e en anteriores lexislaturas. O SXG ‘agradece’ tamén a esixencia por parte de La Región  dunha política de reparto de subvencións públicas «democrática» na que as administración esixan ás empresas de comunicación un plan de emprego, como ocorre no resto de sectores económicos. O reparto de maior cantidade de cartos a grupos como La Región, por moi agraviada que se sinta, non acabará co problema de base deste sistema de reparto antidemocrático: que as empresas de comunicación convértense en moitos casos en pozos sen fondo que non reinvisten os cartos públicos recibidos na erradicación da súa precariedade laboral.

Non estamos ante un problema local ou que repercuta nunha empresa concreta, senón ante unha realidade que afecta a todos os galegos, xa que a precariedade laboral dos traballadores e traballadoras da comunicación está revertindo na desinformación da sociedade. Hai que dar axudas ás empresas, pero hai que dalas por e para algo e, de momento, todos os cartos públicos investidos en medios de comunicación non incidiron nin na creación ou mantemento de emprego nin na mellora das condicións laborais e salariais nin moito menos na calidade e cantidade da información que a cidadanía galega recibe diariamente.

Por un lado, nos últimos meses o 63% dos medios de Galicia executaron despedimentos; por outro, o soldo medio dun xornalista galego ronda os 8,2 euros por hora, o mesmo que hai case unha década. Desde o Sindicato de Xornalistas faise un chamamento á empresa editorial de La Región e Atlántico Diario para que empecen defendendo a liberdade e capacidade de informar desde as súas propias estratexias  laborais que actualmente manteñen na precariedade ás súas plantillas e tamén chámase ás administracións públicas para vincular calquera tipo de axuda ao mantemento dun emprego estable porque, de non facelo, continuará a vaga de despedimentos que asola ao sector e á calidade de información que reciben os cidadáns. Porque sen xornalistas non hai xornalismo.

Comments are closed.