O SINDICATO DE XORNALISTAS APOIA ÓS TRABALLADORES DAS TELEVISIÓNS LOCAIS QUE PODERÍAN PECHAR

O Sindicato de Xornalistas de Galicia quere amosar a súa solidariedade cos traballadores que poderían perder o seu emprego tras a exclusión das emisoras nas que traballan da recente adxudicación das Televisión Dixitais Terrestres (TDT) locais. Na polémica creada por esta adxudicación, o SXG destaca que estes traballadores son os principais damnificados, pois poden ficar sen emprego; no caso de confirmarse o peche en 2008 das canles analóxicas que emiten na actualidade e que non lograron unha concesión de TDT.

O SXG non entra a valorar a selección de empresas feita pola Xunta de Galicia. Sen embargo – e como xa manifestara publicamente con anterioridade – a organización non permitirá que o lanzamento destes medios se realice a costa de facer aínda máis precarias as pésimas condicións laborais dos traballadores da comunicación.

A creación de emprego foi valorada o mesmo que a emisión dun 25% de música cantada en galego

Por iso, o Sindicato de Xornalistas vixiará moi de preto que as novas emisoras cumpran os seu compromisos de creación dun determinado número de postos de traballo. Estes compromisos forman parte das ofertas valoradas pola Xunta para asignar as concesións, en concreto están incluídos anexo V de proposición de oferta técnica.

Cómpre lembrar que o SXG xa denunciou en dúas ocasións o perigo do aumento da precariedade laboral na introdución das novas canles. O Sindicato reclamou que a creación de postos de emprego dignos fose un dos criterios básicos para resolver o concurso das TDT en outubro de 2005. En maio dese ano, a organización pedira ó Goberno do Partido Popular que aumentase a valoración da creación de postos de traballo no baremo de resolución do concurso, petición ignorada daquela.

O Sindicato rexeita que a creación de postos de traballo só aportase 15 puntos ó baremo final, sobre un total de 450 puntos posibles. É máis, a Xunta valorou na mesma medida a creación de postos de traballo e a “a emisión de cancións interpretadas en lingua galega nunha porcentaxe superior ó 25% da programación de música cantada”, criterio polo que tamén se sumaron ata 15 puntos, como figura no prego de condicións.

O SXG entende que a introdución da televisión dixital é unha oportunidade única para mellorar as condicións laborais nas televisións locais. Na actualidade, as emisoras locais son un dos sectores da comunicación con unha maior precariedade. Por iso, o Sindicato denunciará publicamente ás operadoras de TDT que non cumpran os compromisos laborais presentes nas súas propostas.

Oportunidade para o bipartito
de cumprir a súa promesa electoral

O SXG lémbralle ó Goberno de PSdG e BNG que, se quere cumprir a súa promesa electoral de promover a independencia dos medios, é imprescindible que fomente unha mínima estabilidade laboral entre os traballadores. Non hai medios independentes cando os xornalistas non teñen un emprego digno. Por iso, a introdución das emisoras dixitais constitúe unha oportunidade única para a Xunta de fomentar un xornalismo independente.

Na actualidade, a contratación de falsos autónomos, as xornadas abusivas e a explotación de estudiantes en prácticas son prácticas habituais na maioría das empresas da comunicación en Galicia. O aumento destas formas de explotación laboral sería unha das consecuencias de que a Xunta non faga cumprir os compromisos adoptados polas empresas nas súas propostas.

Comments are closed.