Un fotógrafo será indemnizado por coacción na Estrada

Impedíronlle sacar fotos na porta do Xulgado

Os feitos desenvolvéronse o día 1 de xuño de 2004, cando o xornalista e colexiado se dirixiu á porta do xulgado da Estrada para sacar unhas fotos a un detido. Os condenados impedíronlle realizar o seu traballo inmobilizándoo de brazos e pernas, e tratando de sacarlle a cámara. A sentenza recolle que esta actuación supón unha falta grave de ameazas, xa que os condenados impediron ao xornalista exercer a súa profesión, que ademais está recoñecida como un dereito fundamental na Constitución. Un dos dous axentes da Garda Civil que acompañaban ao detido que o colexiado pretendía fotografar, e que foron testemuñas dos feitos, procedeu á identificación dos individuos para que o fotógrafo puidera presentar a denuncia.

Os acusados, que non compareceron no xuízo, foron condenados a pagarlle ao demandante seis euros diarios durante 20 días, e 24 euros polas perdas ocasionadas ao fotógrafo. Este exerce o seu traballo como ‘freelance’ e vende as imaxes que consegue aos medios de comunicación; nesta ocasión as fotografías ían ser para o Diario de Pontevedra. No caso de impago dos condenados, estes deberán cumprir unha pena de 10 días de privación de liberdade.

O xornalista demandante foi representado pola Asesoría Xurídica do Colexio de Xornalistas, que leva o ‘Bufete de Avogados Trillo – Sánchez Campos’, encargado da defensa e asesoramento xurídico en temas profesionais de todos os colexiados do CPXG que o demanden.

Comments are closed.