O Sindicato de Xornalistas debate o Estatuto del Periodista con partidos políticos e organizacións de toda España

O secretario xeral do Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG), Xurxo Salgado, participará mañá, 17 de xuño, nunhas xornadas organizadas pola Unión de Profesionales de la Comunicación de Canarias (UPCC) sobre o Estatuto del Periodista Profesional (EPP). Este proxecto de lei, que se tramita no Congreso desde novembro de 2004, convertíuse nun referente fundamental para garantir o dereito constitucional da cidadanía a recibir unha información veraz.

Nuns tempos nos que moitos intereses políticos e empresariais parecen estar por riba deste dereito, a protección legal dos xornalistas para que poidan cumprir coa súa labor é irrenunciable.

Representantes políticos de Coalición Canaria, PSOE e PP, xunto a dirixentes da Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP), UGT, CCOO e da Asociación de la Prensa de Tenerife (APT) exporán as súas opinións ao respecto.
.
O actual EPP é froito do traballo do chamado Foro de Organizaciones de Periodistas (FOP), integrado agora mesmo pola FeSP, CCOO, UGT e os colexios profesionais de Cataluña e Galicia, aínda que inicialmente tamén estivo apoiado pola Federación de Asociaciones de la Prensa (FAPE).

Neste documento fortalécense as condicións profesionais e laborais dos informadores para defenderse das presións no desenvolvemento da súa importante función social como é a tarefa de informar.

Este encontro enmárcase dentro das II Jornadas Profesionales de la Comunicación da FeSP, organizadas poa Unión de Profesionales de la Comunicación de Canarias (UPCC), e que se están a celebrar desde hoxe na capital tinerfeña. Estas xornadas, de carácter estatal, reunirán esta fin de semana en Tenerife a unha serie de expertos en distintos temas de actualidade para a profesión xornalística.

Ademais, nas devanditas xornadas tamén se debatirán outros asuntos como o equilibrio entre a información e o entretemento na televisión, a crisis dos medios de comunicación, o xornalismo dixital en España, o fotoxornalismo no século XXI, o desembarco da Televisión Dixital Terrestre (TDT), o fenómeno da prensa gratuita en España e os sindicatos de xornalistas como nova fórmula de organización dos informadores. Para ampliar esta información, todos os interesados poden recurrir ao enlace das xornadas incluido na web de UPCC (www.upccanarias.com).

Comments are closed.