22 XORNALISTAS GALEGOS DEMANDAN CASE 20.000 EUROS DE MULTA Ó ALCALDE DE TOQUES E CINCO VECIÑOS

Un grupo de informadores reclamaron hoxe no xulgado de Arzúa seren que o alcalde de Toques, Jesús Ares, e 5 veciños sexan multados con 20.000 euros. A vista tratou como os xornalistas foron expulsados mediante “empurróns” e “ameazas” dun pleno deste Concello. Os avogados dos 22 demandantes alegan que a expulsión violenta produciuse polas ordes do alcalde a un grupo de veciños.

A acusación –na que o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) representa a 13 traballadores- reclama que Ares e os veciños sexan condenado polas faltas de maltrato de obra e perturbación da orde pública. Ademais, os avogados reclaman unha indemnización ós xornalistas por danos morais, materiais e físicos próxima os 10.000 euros.

Informar da posible dimisión do alcalde, quen fóra condenado por abuso sexual a unha menor, era o motivo da presenza dos xornalistas en Toques o 28 de xaneiro de 2004.

Alegan que o alcalde agrediu
persoalmente a algúns xornalistas

Varios dos 17 xornalistas que compareceron hoxe detallaron como foron agredidos, nalgúns casos polo propio alcalde. Un dos fotógrafos demandantes afirmou que "a min foi el –referíndose ó Alcalde– quen me rompeu a cámara. Veu cara min e de moi malos xeitos empurroume en tres ocasións”. Unha redactora de radio asegurou que foi lesionada no brazo tras ser "acurralada e empurrada" contra unha valla por parte dalgúns veciños.

Pola súa banda, o alcalde argumentou que ordenou a expulsión dos xornalistas ante as protestas dalgúns veciños, quen, segundo Ares, acusaron os informadores de dificultar o normal desenvolvemento do pleno.

Ares negou que se produciran incidentes fóra do edificio consistorial, mentres que os xornalistas aseguran que, na súa entrada, o alcalde chamounos “mortos de fame”. Ares negou que a expulsión fose violenta, aínda que esta foi emitida por varias cadeas de televisión. O Servizo Xurídico do SXG estima que a sentencia podería ser publicada en dous meses aproximadamente.

O Sindicato de Xornalistas de Galicia louva a valentía dos 23 xornalistas que denunciaron os feitos e que, no caso dos xornalistas gráficos, aportaron fotos e vídeos como proba. O SXG entende que este tipo de unión entre tódolos profesionais é indispensable para facer valer os dereitos dos xornalistas, entre os que figura o dereito a informar libremente do traballo das administracións.

Ademais, o Sindicato de Xornalistas de Galicia quere lembrar ós poderes públicos a súa obriga de protexer o dereito constitucional a informar. Por iso, pide que a administracións tomen máis medidas de seguridade para protexer ós informadores que acudan a cubrir eventos potencialmente conflitivos. Incidentes como os de Toques ou as recentes agresións a xornalistas gráficos durante a pasada folga do sector do metal en Vigo son exemplos de situacións nas que a labor dos informadores debe estar especialmente protexida.

Máis:

Mañá comeza o xuízo polas agresións a un grupo de xornalistas no Concello de Toques

Comments are closed.