A xustiza condena á COPE Pontevedra a indemnizar a unha xornalista que traballaba como falsa autónoma

O SXG pide os medios que contraten os que, como a afectada, figuran como colaboradores cando en realidade traballan a xornada completa.

O despido da xornalista foi improcedente e COPE Pontevedra debe readmitila ou indemnizala. Así resolveu a Xustiza a demanda que esta xornalista presentou para que se lle recoñecese unha relación laboral coa emisora. O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) destaca que os casos de “falsos autónomos” como este son habituais hoxe nos medios galegos. Por iso, o Sindicato valora moi positivamente este fallo e felicita a P. Castro por ser quen de facer valer os seus dereitos.

Ante esta sentencia, o Sindicato esixe ós medios que regularicen a situación destes “falsos autónomos” – os xornalistas e reporteiros gráficos que traballan a xornada completa pero que as empresas obrigan a firmar contratos mercantís como colaboradores. O SXG compromete o seu apoio ós profesionais que decidan demandar o recoñecemento dun contrato laboral, como fixo con a xornalista.

O SXG destaca a valentía das testemuñas

A presencia neste xuízo de varios xornalistas de Pontevedra como testemuñas foi clave e, segundo o SXG, constitúe un gran exemplo do que se pode lograr coa solidaridade entre compañeiros. Por iso, o SXG quere homenaxear unha vez máis a valentía destes profesionais.

Neste caso en concreto, o xuíz condena a Radio Popular a readmitir a traballadora ou a pagarlle unha indemnización e os chamados “salarios de tramitación”, unha cantidade diaria dende a data do despido ata a notificación da sentencia.

O tipo de contrato debe ser segundo o traballo que se fai

O SXG destaca a xurisprudencia tida en conta polo maxistrado neste fallo. A sentencia dictada por Fernando Cabezas lembra que a categoría dun contrato laboral deriva do tipo de traballo que fai o profesional, e non da denominación que figura no papel.

Así o fallo do 9 de maio recolle que “debe partirse do criterio xurisprudencial ampliamente reiterado que pon de manifesto como os contratos teñen a natureza que se deriva do seu contido obligacional, independentemente da denominación que lle outorguen os intervintes, debendo estar para determinar a súa verdadeira natureza á realidade do seu contido manifestado polos actos realizados na súa execución, o que debe prevalecer sobre o `nomen iuris´empregado polos contratantes”.

O xuíz considera probado que a xornalista tiña unha relación laboral con COPE aínda que firmara varios contratos mercantís coa emisora. Así, a sentencia destaca que a xornalista traballaba a xornada completa “dentro do ámbito da organización e baixo a dirección doutra persoa”.

Ademais, a Xustiza califica o despido de “unilateral e inxustificado”; pois “non lle foi comunicado formalmente nin consta ningunha causa algunha”. Cómpre lembrar que o 3 de maio P. Castro relatou nos xulgados como o síndrome de ansiedade provocado pola presión laboral dos seus superiores en COPE Pontevedra obrigoulle a deixar de traballar por baixa médica. Unha vez recuperada, o director da emisora comunicoulle a súa praza xa estaba cuberta e que a emisora xa non contaba cos seus servizos.

Contra esta sentencia, é posible apelar ó Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Nota.- Remitarase copia da sentencia a aqueles que a soliciten

Comments are closed.