O SXG ‘acompaña no sentimento’ aos traballadores de La Voz na xornada de loito convocada contra a inaplicación do convenio colectivo

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) amosa o seu total apoio e respaldo ao Comité Intercentros de La Voz de Galicia despois de que a dirección do grupo empresarial anunciase a súa intención de iniciar o procedemento de inaplicación das condicións de traballo previstas no Convenio Colectivo da empresa en base a causas económicas. Ademais, fai un chamamento para participar na ‘Primeira xornada de loito’ convocada polo Comité en defensa dos seus dereitos laborais.

Continue reading

Cursos de Photoshop e xestión web e multimedia para traballadores do sector da Comunicación

A Federación de Sindicatos de Periodistas (FESP) ofrece, en colaboración co Grupo Femxa, unha serie de actividades formativas nas que os interesados participarán de xeito non presencial, senón co sistema e-learning ou de formación a través de internet. Subvencionadas polo Servicio Público de Empleo Estatal e dirixidos a traballadores do sector da prensa diaria, os cursos serán gratuítos ao 100%.

Continue reading

Os traballadores da CRTVG denuncian a través dunha web a manipulación informativa da canle pública

O Comité de Empresa da Televisión de Galicia creou un blog para denunciar a situación que viven os profesionais da cadea e para demandar a creación dun estatuto profesional dos membros públicos de comunicación audiovisual galegos, no que se contempla un Consello de Informativo para a CRTVG.

Continue reading

O xornal gratuíto 20 Minutos pecha as súas dúas delegacións en Galicia

O SXG alarma polo constante peche das delegacións galegas dos medios estatais

As delegacións da Coruña e Vigo do xornal gratuíto 20 Minutos botarán o peche esta semana co despedimento das xornalistas que nelas traballaban. Estes despedimentos son consecuencia da esixencia do grupo noruegués propietario do diario español dirixido por Arsenio Escolar de acadar un recorte de 5 millóns anuais nas contas.
Continue reading

Os traballadores da TVG denuncian a "manipulación" dos informativos

DAN EXEMPLOS CONCRETOS

21 xuño 2011.- Desde o comité da TVG queremos expresar o noso profundo malestar coa manipulación, executada pola Dirección de Informativos, nos contidos dos programas vinculados a este departamento. Nos últimos meses houbo casos especialmente rechamantes.

Rexeitamos o tratamento informativo realizado desde a Operación Campeón, pasando pola cobertura das concentracións da plataforma Queremos Galego no Día das Letras ou as vinculadas ao Movemento 15-M. Estas noticias foron, en numerosas ocasións, ignoradas ou terxiversadas, con omisións relevantes de información para a comprensión total dos feitos.

Para concretar algúns exemplos:

Concentracións de Queremos galego o día das Letras Galegas (17/05/2011):

En ningún momento se especificou nas noticias o motivo central das concentracións (a oposición e crítica á política lingüística da Xunta de Galicia). Cubríronse os actos deste día como un evento cultural e non se recolleu o afán reivindicativo das protestas. A única referencia que hai a membros da Plataforma e ás súas reivindicacións, ademais de nomear os escritores e políticos que participaron, é ó presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, de quen se di “Carlos Callón lembrou uns versos do homenaxeado hoxe, Lois Pereiro”

Democracia Real Xa (desde o 15/05/2011 ata agora): Apenas houbo cobertura dos actos de protesta e das acampadas galegas. A maioría dos días non se lles deu voz ós protagonistas nin se explicaron as reivindicacións do Movemento agás en contadas ocasións (concretamente nos informativos da fin de semana). Pola contra, si se trataron certas polémicas vinculadas ó Movemento pero nas que os protagonistas eran outros (protestas dos comerciantes, relación do Movemento con Abel Caballero, agresións sexuais na acampada de Madrid, críticas sobre a “pasividade” do Goberno Central…)

Operación Campeón: O día que se coñece a noticia (27/05/2011) non se fai referencia a que o IGAPE é un organismo dependente da Xunta. Tampouco aparecen os nomes dos imputados a pesar de ser cargos públicos, e o día do auto xudicial omítese que seguen imputados.

Este tipo de exemplos vulneran a propia Lei de Creación da CRTVG, onde se recolle “o respecto á liberdade de expresión, obxectividade, veracidade e imparcialidade das informacións” (Artigo 16, Sección 1ª, Capítulo 4º) e evidencian a necesidade urxente de crear un consello de redacción que vele pola calidade da información que se emite, con prevalencia dos criterios xornalísticos e que defenda o dereito da audiencia a ser informada pola súa televisión pública.

Este comité recentemente constituído ten vontade de denunciar calquera manipulación informativa dando conta de exemplos concretos. Consideramos que na defensa dos nosos dereitos laborais ten que ir implícita a defensa conxunta das funcións de servizo público que nos foron delegadas pola sociedade galega.